Versus te. Versos á medida

sábado, 28 de junio de 2014

SAÚDO AO SOL


Derreter lenemente
a harmonía da manhá
no estiramento dos membros
coa luz do día.

Inspirar a calma enerxética,
punto de fuga da carne
que se fai humana.
Celebrar co corpo a palabra VIDA.

viernes, 6 de septiembre de 2013

Nadas de nobre estirpe*

                                                                                         A Pilar D., minha amiga, 
                                                                                          muller sentida e gaiteira.

Fomos masa feita
de boa materia prima,
nobile genere natus
no noso ablativo de orixe.
Desas mulleres fortes
e espelidas até o infinito
que ergueron o fogar
no que nos criamos
e do que elas sempre foron
lume de lareira
ao redor do cal se quentaban
todos os demais.

Forza infinda e vital
a do lume,
acendendo das cinsas
unha e outra vez
como se non houbese
queimadura consumida
nin cansazo acumulado de
muller.

Tamén para nós
ha de chegar o día de fogueira sermos,
de atravesar un paso canadense
dende esta nosa beira
e facer esvarar  nela
a todos os becerros
que ousen cruzar a fronteira
do noso reservado
e sentido sentimento.

Paceremos daquela, ledas,
lúcidas dende esta nosa beira,
como as vacas ben mantidas
nos pastos comunais
que levan cara Mondoñedo
nos confíns da vista.

Alá toparemos
por fin
a Merlín e familia
para bailar unha muiñeira
ou un agarrado
en lume de repichoqueada foliada.

*Poema gañador do 2º premio do VI Certame Literario Terras de Chamoso. Ano 2012.



A PAULA

Paula,
nos momentos nos que
a economía persoal vai
máis en picado cá do país
só me queda de agasallo
a verba, como caminho
de retorno de todas as
que ben sensatas saen
decote da túa boca.

Forza do positivismo
que contaxia,
muller de acción
que bota ao lixo
as borras do café
e deixa correr
polas súas veas
a forza do amor
e do respeito,
incluso no desamor,
cun chupinho de LK.

Sol de inverno
que quenta cando
máis presta, es ti
contigo mesma,
mantendo a linha
do equilibrio neses
momentos nos que
os horizontes se voltan
de súpeto sangue
derramada en terra
a cachón e sen cita
previa.
Mais ti en acto
de solidariedade
sementas vida
despois dunha doazón.
“Comparte saúde,
comparte vida.
Doa sangue”.

Podería seguir ata ao infinito
como segues ti as túas teorías, mais;

Dixo un poeta da hostia:
“A minha vida numha cela de excel
ordenada sistematicamente coma o alinhamento celeste,
(...)
Todo suma, resta, multiplica, divide, contabiliza...
Este é o progresso, a ciência inteira.”

E digo eu:
Quen quer vivir nunha cela de excel?
Tolos todos os que ousen!!!
Nós, moi cordas, na nosa liberdade!
Rebeldía e tolemia que non falten
xamais na defensa dos nosos ideais.

Porque somos unhas mulleres do 15,
unhas de aniversario o 16,
as demais eloxiando as súas letras o 17.

Aí vén o maio de frores cuberto...
Chegou o mes de maio.
Chegou a primavera.
E ti nela.



BULIDEIRA

                                      A Eli 


                                      A ti,

                                              
polo mundo,               :BULIDEIRA:           na terra


                                     Contigo,


Ás veces as explicacións
profundas ou retorneadas
da reflexión non dan fe
do que verdadeiramente
somos.
E do que por ser, sentimos.
-Por iso estes versos improvisados-

Somos nós:
Apertas infinitas envoltas
en diálogos interminábeis
do 4º D.
Fraternal tándem en loita pola liberdade,
dende Galegos.
Amizade etnográfica aturuxada
en repugnancia exterior,
dende Orbazai.

Por e para ti,
Elinha nosa querida,
co agarimo dos enchentes simposios
estes versos do Nordés,
da túa terra meiga,
con vectores que sopraron
cara o Levante
nese vendaval que todo o move:
o amor.

O noso por ti,
o teu por Henry,
o de Henry polo teu Norte.

Fermoso trisquel, forza eterna:

“BULIDEIRA”.